xoves, 30 de abril de 2015

17 de maio, Día das Letras Galegas


Mamás e papás chega o Día das Letras Galegas que este ano está dedicado ao polifacético Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Imos celebralo a tarde do 15 de maio, de 17.00 a 20.00, e para iso precisamos contar con vós. Non podedes faltar, porque temos programadas unha morea de actividades nas que vós tamén sodes protagonistas.

Para que se vos vaia facendo a boca auga, velaquí o que temos pensado para celebrar por todo o alto que a lingua galega segue viva: 


  • Unha exposición con todas as creacións plásticas (debuxos, plastilina, pictogramas, etc.) que as crianzas fixeron na escola. Son creacións a partir de elementos das cantigas de Filgueira Valverde (sol, ceo, mar, penedo, estrela, etc. ). Aí poderedes comprobar que grandes artistas hai na escola e tendes na casa! Ahhhh, pero a escola tamén quere coñecer as vosas habilidades e tamén vos vai pedir que fagades algunha creación artística, na compaña das crianzas, baseada nas cantigas de Filgueira Valverde. Veremos como queda o conto! Non vos preocupedes porque tamén se presentará un breve vídeo sobre o autor homenaxeado. 


  • O seguinte paso vai ser na cociña e para iso precisamos a colaboración de catro papás (as mamás terán outras ocupacións). Quen se apunta? Queremos que o sol, a estrela, o penedo... pasen a ser galletas...ñam..ñam!!! Así que papás mans á masa: toca axudarlles a facer galletas aos nenos e nenas de 3 anos. Tranquilidade... o equipo docente andará vixiando... non vaia ser que se torren as galletas!


  • Haberá un recuncho de lectura en galego, para o que tamén precisamos axuda. Papá, mamá quen se anima a ler un conto cos e para os pequechos? E quen se anima a recrealo cos nosos monicreques? Ide pedindo vez que a sala vai estar ateigada de pequechas e pequechos ansiosos por saber que lle pasa ao dragón Pepón e que novos mundos nos descobre. 


  • E todo isto con música e baile porque tamén estarán convidados a esta festa da lingua a Banda dos Cueiros







Escola de Nais e Pais: a expresión das emocións

Prezadas mamás e prezados papás,

Fieis á nosa cita mensual, Maruxaina convócavos á nova sesión da Escola de Nais e Pais que se celebrará o venres 22 de maio, ás 19.00 h, na sala multiusos da nosa escola.

Desta volta, o tema que se tratará é a educación nos sentimentos, nas emocións, para ir poñendo o noso gran de area na consecución dun obxectivo: que as nosas fillas e fillos consigan ser persoas competentes e emocionalmente desenvoltas.

Nesta nova sesión seguriño que non vos aburriredes porque o equipo docente vai contar coa presenza da psicóloga experta en educación emocional Mónica Pérez Mouriño. A través dunha metodoloxía activa e participativa, mediante técnicas baseadas nas dinámicas de grupos, a nosa convidada explicará en que consiste iso da educación nas emocións e proporcionaranos as ferramentas e estratexias axeitadas para xestionalas (escoita activa, comunicación, expresión) e previr condutas problemáticas.

Maruxaina con estas propostas segue a traballar na promoción das relacións de colaboración coas familias e no fomento do intercambio de experiencias entre as familias participantes. Mais para conseguilo precisamos da vosa imprescindible presenza, se vós non estades a Escola de Nais e Pais non ten sentido.


Non esquezades que o vindeiro 22 de maio tendes unha cita ineludible no centro Maruxaina!!! Sentiredes mil e unha emocións!!!!





Aquí vos deixamos dous vídeos que serán o fío condutor no desenvolvemento da vindeira sesión.








Coñecendo o mundo: a diversidade


Maruxaina, consciente de que a educación contribúe tanto á construción da personalidade do individuo como á transmisión e renovación dos valores propios da sociedade (igualdade de oportunidades, solidariedade, xustiza, cohesión social, liberdade, etc.), basea a súa filosofía no respecto ao propio desenvolvemento da personalidade e das capacidades de cada unha das súas crianzas.

A diversidade está presente no ser humano desde o momento en que cada persoa posúe as súas propias características evolutivas, ritmos de aprendizaxe, intereses e expectativas diferentes..., ou mesmo persoas que teñen algún tipo de diversidade funcional (intelectual, física, sensorial, altas capacidades, etc.). A esta diversidade non é allea o espazo escolar: a diversidade tamén se sente e se vive na escola e na vida cotiá das crianzas. Elas viven rodeadas de diversidade, sexa do tipo que sexa. 

Neste sentido, Maruxaina traballa para dar resposta a toda esta diversidade: promove un clima de igualdade de oportunidades, permitindo a inclusión e a socialización de todas as crianzas. Para iso, sabe que é moi importante apoiar e fomentar a continúa formación e actualización do seu equipo docente, para o que destina o 10% do seu orzamento.

Desde Maruxaina queremos que todas aquelas crianzas que "arrastran" un cazo vermello ou que son "un cadrado" nun mundo de "círculos" sexan aceptadas e respectadas en igualdade de condicións e conseguir a visibilización das habilidades propias de cada unha delas.






A nosa escola

Maruxaina é unha escola infantil rural, de titularidade privada, pensada para o primeiro ciclo de educación infantil, crianzas de 0 a 3 anos, autorizada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Maruxaina nace como un espazo infantil educativo, formativo e lúdico onde se interactúa cos iguais pero tamén se prioriza a relación coa contorna rural e, sobre todo, cos pais, nais ou persoas responsables da crianza (avós, avoas, titores...).

Maruxaina promove a aprendizaxe atendendo ao ritmo persoal de cada pícara e pícaro e atendendo a súa diversidade, funcional ou non. Ademais un dos obxectivos primordiais de Maruxaina é lograr a participación e colaboración activa das figuras de apego das familias, para non quedaren excluídas das actividades e intervencións educativas ofrecidas pola escola.



Instalacións

Tres aulas, todas exteriores e con moita luz: aula de naipelos, de 0 a 1; aula de 1 a 2 e aula de 2 a 3
Aula multiusos, dividida en recunchos (contos, disfraces, lectura e biblioteca, psicomotricidade, etc.).
Comedor
Patio exterior, de area e herba
Aseos




Equipo docente e persoal

·        María López Castro, licenciada en psicopedagoxía e directora do centro
·        Xacobe Leiras Feixoo, diplomado en educación infantil e en arte dramática
·        Lúa Carballo Vázquez, licenciada en belas artes e técnica superior en educación infantil
·        Roi Graña Simón, técnico superior en educación infantil


·        Persoal de cociña
·        Persoal de limpeza


Horarios

Horario amplo e flexible que permite adaptarse ás necesidades das familias:

·       De luns a venres, desde as 7.30 até as 21.00.
·       Xullo e agosto tamén está aberta, pero cun horario máis reducido: 8.30 a 17.00.

Servizos

Comedor, con cociña propia para controlar a calidade dos alimentos e permitir a elaboración propia. Tamén será un espazo de experimentación (olores, sabores, texturas, etc.)
Escola de pais e nais, para mellorar as intervencións educativas e coñecérmonos máis.
Obradoiros: teatro, moicreques, baile, música, plástica, expresión, etc.
Excursións e contacto directo coa natureza: aproveitando a contorna natural da escola dúas ou tres veces á semana iremos á fraga coñecer os carballos, as salmántigas, ras... e á casa dos veciños ver as vacas, as galiñas, as ovellas...
Piscina: mediante un convenio co concello de Vigo podemos usar as instalación municipais das Travesas dous días á semana.  
Servizo de recollida das crianzas





Contacto

Escola Infantil Maruxaina 
R/Estrada de Zamáns, 170
36310 Vigo
Tel.: 986468365
Facebook
https://www.google.es/maps/@42.1613679,-8.6939707,16z